Condicións de servizo de Google Play

15 de marzo de 2023 (Ver versión arquivada)

1. Introdución

Condicións aplicables. Grazas por usar Google Play. Google Play é un servizo proporcionado por Google Ireland Limited ("Google", ou "nós"), unha empresa localizada en Gordon House, Barrow Street, Dublín 4, Irlanda. O uso que fagas de Google Play, as aplicacións, os xogos (incluídas as Aplicacións Instantáneas de Android), os servizos do sistema, as películas, os libros, as revistas ou outros contidos ou servizos dixitais (denominados "Contido") que están dispoñibles a través deste servizo está suxeito ás Condicións de servizo de Google Play ("Condicións de servizo de Play") e ás Condicións de servizo de Google ("Condicións de servizo de Google") (denominadas en conxunto como "Condicións"). Google Play é un "servizo" tal e como se describe nas Condicións de servizo de Google. Se existe algún conflito entre as Condicións de servizo de Play e as de Google, prevalecerán as primeiras.

2. Uso de Google Play

Uso dos Contidos e acceso a eles. Podes utilizar Google Play para buscar, localizar, ver, emitir ou descargar Contidos para o teu móbil, ordenador, televisor ou outro dispositivo compatible (“Dispositivo”). Para utilizar Google Play, necesitarás un Dispositivo que cumpra cos requisitos do sistema e de compatibilidade. Os Contidos dispoñibles en Google Play ou mediante esta aplicación poden ter requisitos do sistema adicionais. A dispoñibilidade dos Contidos e das funcións variará dependendo do país e quizais algúns Contidos ou funcións non estean dispoñibles no teu país. Determinados Contidos están dispoñibles para compartilos cos membros da familia. Os Contidos de Google Play ofréceos Google Commerce Limited, que está situado en Gordon House, Barrow Street, Dublín 4, Irlanda. Estes Contidos poden ter como orixe outra fonte (por exemplo, un programador de aplicacións, un editor de libros, un estudio de cine ou un selo discográfico) (o “Provedor” do contido).

Restricións de idade. Para poder utilizar Google Play, debes ter unha conta de Google válida ("Conta de Google"), que estará suxeita ás seguintes restricións de idade. Se no teu país se che considera menor, precisarás o permiso do teu pai, nai ou titor legal para poder usar Google Play e aceptar as Condicións. Debes cumprir coas restricións de idade adicionais que se apliquen ao uso de Contidos ou funcións específicos de Google Play. Os xestores e membros da familia deben cumprir tamén estes requisitos adicionais.

Tarifas de terceiros. Deberás facerte cargo do pago das tarifas correspondentes ao acceso e aos datos de terceiros (como o fornecedor de Internet ou o operador móbil) relacionados co uso e a visualización do Contido e de Google Play.

Actualizacións. É posible que sexa necesario actualizar Google Play, as mediatecas de asistencia relacionadas ou os Contidos, por exemplo, para ter acceso a solucións de erros, funcións melloradas, complementos que faltan e versións novas (en conxunto, "Actualizacións"). Talvez sexa necesario realizar estas Actualizacións para poder usar Google Play ou para descargar e utilizar os Contidos ou acceder a eles. Ao aceptar estas Condicións e usar Google Play, aceptas recibir estas Actualizacións automaticamente. Quizais poidas xestionar as Actualizacións de determinados Contidos a través de Configuración en Google Play. Non obstante, se se determina que a Actualización vai corrixir unha vulnerabilidade de seguranza ou un problema de operabilidade graves relacionados cos Contidos, ou que vai evitar un uso inadecuado, pode que se complete independentemente da configuración das Actualizacións que teñas definida en Google Play ou no teu dispositivo. Se outra tenda de aplicacións tenta actualizar Contidos que se descargaron inicialmente desde Google Play, é posible que recibas unha advertencia ou que non se permita realizar as actualizacións mencionadas.

Información sobre ti. Na Política de privacidade de Google explícase como tratamos os teus datos persoais e como protexemos a túa privacidade cando utilizas Google Play. Quizais Google teña que fornecer a túa información persoal, como o teu nome e enderezo de correo electrónico, aos Provedores para poder procesar as túas transaccións ou ofrecerche Contidos. Os Provedores aceptan utilizar esta información conforme ás súas políticas de privacidade.

Se formas parte dun grupo familiar de Google Play, os membros da familia que estean no grupo poderán ver determinada información sobre ti. Se es o xestor da familia dun grupo familiar en Google Play, os membros da familia aos que invites a unirse ao grupo verán o teu nome, a túa foto e o teu enderezo de correo electrónico. Se te unes a un grupo familiar como membro da familia, os demais membros poderán ver o teu nome, a túa foto e o teu enderezo de correo electrónico. O xestor da familia tamén pode ver a túa idade e un rexistro de todas as compras que fagas co método de pago familiar designado, incluída unha descrición do Contido comprado. Se os Contidos se poden compartir coa familia e os compartes co teu grupo familiar, todos os membros da familia poderán acceder a eles e ver que os compraches.

Acceso non autorizado ás contas. Debes protexer a información da túa conta e non compartila con ninguén. Non debes recompilar ningún dato persoal de ningún usuario de Google Play nin doutros servizos de Google a través de Google Play, incluídos nomes de contas.

Contas desactivadas. Se Google desactiva o acceso á túa conta de acordo coas Condicións (por exemplo, se as infrinxes de xeito significativo ou reiterado), pode impedirche o acceso a Google Play, á información da túa conta ou aos ficheiros e demais Contidos que estean almacenados coa túa conta. Consulta o Centro de axuda para obter máis información. Se es o xestor dunha familia en Google Play e Google desactiva o acceso á túa conta, pode que os membros da túa familia deixen de ter acceso ás funcións familiares para as que se require dispoñer dun grupo deste tipo, como o método de pago familiar, as subscricións familiares ou os Contidos compartidos polos membros da familia. Se es un membro dunha familia en Google Play e Google desactiva a túa conta, os membros da túa familia deixarán de ter acceso aos Contidos que compartiches con eles.

Protección contra software malicioso. Para protexerte contra software malicioso de terceiros, URL que supoñan un risco e outros problemas de seguranza, Google pode recibir información acerca das conexións de rede do teu dispositivo, de URL que poden resultar daniños, do sistema operativo e das aplicacións instaladas no teu dispositivo a través de Google Play ou doutras fontes. Google pode avisarte se considera que unha aplicación ou un URL non é seguro, ou eliminar ou bloquear a súa instalación no teu dispositivo se puidese ser daniño para os dispositivos, os datos ou os usuarios. Podes desactivar algunhas destas proteccións na configuración do teu Dispositivo, non obstante, é posible que Google continúe recibindo información acerca das aplicacións instaladas a través de Google Play. Ademais, as aplicacións instaladas no teu dispositivo desde outras fontes poden seguir analizándose para comprobar se presentan problemas de seguranza sen enviar información a Google.

Aplicacións Instantáneas Android. Cando fas clic nunha ligazón no teu Dispositivo, Google Play pode comprobar se existe unha aplicación instantánea aplicable e, en tal caso, abrir a ligazón nesta. Todo o código necesario para executar as partes da aplicación instantánea ás que accedas descargarase no teu Dispositivo e conservarase nel temporalmente. Os detalles das aplicacións instantáneas poden atoparse en Google Play Store. Os datos e a configuración de Aplicacións Instantáneas Android sincronízanse nos dispositivos nos que iniciaches sesión coa túa conta de Google. Podes desactivar Aplicacións Instantáneas Android na configuración do teu Dispositivo.

Cambios nestas Condicións. Se as Condicións de servizo de Play cambian, recibirás un aviso con polo menos 30 días de antelación e as Condicións de servizo de Play novas entrarán en vigor unha vez transcorrido o período do aviso. Se continúas utilizando Google Play despois do período correspondente significará que aceptas as novas Condicións de servizo de Play. As novas Condicións de servizo de Play aplicaranse ao uso que fagas de todos os Contidos (mesmo os que instalases ou comprases no pasado) e a todas as instalacións e compras posteriores. Se non aceptas estes cambios, terás a oportunidade de descargar os Contidos que compraches ou instalaches previamente e cancelar o uso de Google Play. Seguirás vendo esa copia dos Contidos nos teus dispositivos conforme á última versión das Condicións de servizo de Play que aceptaches.

3. Compras e pagos

O Contido de Google Play ofréceo Google Commerce Limited, e cando descargues, visualices, uses ou compres Contido que estea dispoñible en Google Play ou mediante esta aplicación, asinarás un contrato independente baseado nestas Condicións (segundo sexa aplicable) con Google Commerce Limited.

Reservas. Cando fagas unha reserva de Contidos, o contrato de compra e o uso dese elemento completarase cando os Contidos estean dispoñibles, momento no que se che cobrará o importe correspondente. Podes cancelar a reserva en calquera momento antes de que os Contidos pasen a estar dispoñibles. En caso de que Google Play retire os Contidos da venda antes de que estean dispoñibles, deberemos cancelar a reserva e, ademais, reservamos o dereito de cancelar o pedido en caso de que o prezo cambie antes de que o pedido se complete.

Método de pago familiar. Se es o xestor da familia dun grupo familiar en Google Play, deberás configurar un método de pago familiar válido que poidan utilizar os membros da túa familia para comprar Contidos en Google Play e desde as aplicacións. Serás responsable de todas as compras de Contidos que realicen os membros da túa familia mediante o método de pago familiar. Se se elimina un grupo familiar ou un membro da familia abandona o grupo, pódenseche cobrar a ti as compras pendentes realizadas polos membros da familia que utilizasen o método de pago familiar.

Google Payments. Para poder comprar Contidos a través de Google Play, debes dispoñer dunha conta de Google Payments e aceptar as súas Condicións de servizo. O aviso de privacidade de Google Payments aplícase sempre que compras Contidos mediante unha conta deste servizo. Serás responsable de abonar todas as cantidades relacionadas coas compras efectuadas a través de Google Play na túa conta de Google Payments.

Outros métodos de procesamento de pagos. É posible que Google che ofreza varios métodos de procesamento de pagos, ademais de Google Payments, para facilitarche a compra de Contidos a través de Google Play. Debes cumprir cos termos e condicións relevantes e demais acordos legais, establecidos con Google ou cun terceiro, que rexan a maneira de usar un determinado método de procesamento de pagos. Google pode engadir ou eliminar métodos de procesamento de pagos segundo o seu propio criterio. Serás o único responsable de abonar todas as cantidades relacionadas coas compras que efectúes en Google Play.

Cumprir os requisitos para a facturación do operador. Co fin de determinar se cumpres os requisitos para que se che facturen as compras de Contidos que realices mediante os teus Dispositivos a través da conta do teu fornecedor de rede, cando crees unha conta de Google Play nun Dispositivo, enviarémoslle ao teu fornecedor de rede identificadores do teu Dispositivo (por exemplo, o identificador de subscritor e o número de serie da túa tarxeta SIM). Para poder facelo, deberás aceptar as condicións de servizo do fornecedor de rede. É posible que o fornecedor de rede nos envíe o teu enderezo de facturación. Gardaremos e utilizaremos esta información de acordo coas Políticas de privacidade de Google e co Aviso de privacidade de Google Payments.

Prezos. Os prezos e a dispoñibilidade de todos os Contidos mostrados a través de Google Play están suxeitos a cambios en calquera momento antes de que os compres.

Impostos. "Impostos" fai referencia aos aranceis aduaneiros, recadacións fiscais e demais impostos (distintos do imposto sobre a renda) relacionados coa venda dos Contidos, incluídas as sancións ou intereses relacionados. Se Google ou Google Commerce Limited estivesen obrigados a cobrar ou pagar impostos, estes cobraránseche a ti. Debes cumprir con todas as leis fiscais correspondentes, mesmo a declaración e o pago dos impostos que estean relacionados co uso que fagas de Google Play ou coa compra de Contidos neste servizo ou a través del. A declaración e o pago destes impostos é responsabilidade túa.

As vendas non son reembolsables. Consulta a Política de reembolsos de Google Play para obter máis información acerca dos dereitos que tes para retirar, cancelar ou devolver as compras e obter un reembolso. Excepto en caso de que se indique de xeito expreso nas Condicións de servizo de Google, na Política de reembolsos de Google Play ou na do provedor, as vendas serán definitivas e non se permitirá realizar substitucións nin reembolsos. Se se concede a substitución, a devolución ou o reembolso dunha transacción, esta pode anularse e deixarías de ter acceso aos Contidos que compraches con ela.

Resolución alternativa de disputas dos clientes. Google Commerce Limited non se compromete nin está obrigado a arranxar disputas ante unha entidade de resolución de disputas alternativa.

Dereitos de anulación de contidos dixitais. Se compras Contidos como consumidor, conforme á lei tes dereito legal automático á anulación de contratos de compra de contidos dixitais en Google Play (excepto en compras de xornais ou revistas individuais en Quiosco). Aplícase o mesmo cando se compra unha subscrición a contido dixital. Non obstante, cando fas unha compra de contidos dixitais en Google Play, aceptas que estes estarán dispoñibles de inmediato e recoñeces deste xeito que renuncias ao teu dereito legal automático de anulación. No caso das reservas, renunciarás ao dereito legal automático de anulación cando o produto estea dispoñible.

Dereitos de anulación de servizos. Se compras Contidos como consumidor, conforme á lei terás dereito á anulación de contratos de compra de Contidos no prazo de 14 días sen necesidade de indicar o motivo. O prazo de retirada caducará 14 días despois da conclusión do contrato. Para exercer o dereito de anulación, deberás informar a Google Commerce Limited da túa decisión de anular este contrato mediante unha declaración clara. Deberás usar este formulario de retirada modelo. Tamén podes poñerte en contacto con Google Commerce Limited, A/A Atención ao cliente, Gordon House, Barrow Street, Dublín 4, Irlanda ou solicitar un reembolso aquí.

Recibirás un acuse de recibo da anulación mediante un medio que poidas conservar (por exemplo, mediante correo electrónico) inmediatamente. Para cumprir co límite de anulación, será suficiente con que envíes unha comunicación relacionada co exercicio do teu dereito de anulación antes de que pase o período correspondente.

Se anulas este contrato, reembolsaránseche todos os pagos que realizases de acordo con el rapidamente, nunca nun prazo superior a 14 días desde o día da recepción da túa decisión de anulalo por parte de Google Commerce Limited. Levaremos a cabo o devandito reembolso mediante os mesmos métodos de pago que os usados para a transacción inicial, a non ser que acordases expresamente o contrario; en calquera caso, non deberás pagar ningunha taxa máis derivada do mencionado reembolso.

Se pediches iniciar o uso dos servizos durante o período de anulación, pódeseche solicitar que pagues unha cantidade proporcional aos servizos ofrecidos ata o momento en que nos comunicaches a anulación do contrato, en comparación coa cobertura total deste.

Reembolsos. Google ofrece dereitos adicionais de reembolso de varios tipos de Contidos en Google Play, que están establecidos na Política de reembolso de Google Play.

Subscricións. Cando te subscribas a Contidos a través de Google Play, recibirás acceso a estes de xeito continuo ata que canceles a subscrición. As subscricións cóbranse automaticamente ao inicio de cada período de facturación (que pode ser semanal, mensual, anual ou doutro tipo) e pódense cobrar como máximo 24 horas antes do inicio de cada período de facturación.

(a) Períodos de proba. Cando te subscribas a Contidos a cambio dun prezo, poderás acceder ás vantaxes da subscrición gratuitamente durante un período de proba especificado. Pasado ese tempo, cobraráseche a subscrición ata que a canceles. Para evitar que se apliquen cargos, deberás cancelar a subscrición antes do final do período de proba. Inmediatamente despois de cancelar a proba, deixarás de ter acceso ao contido e aos privilexios derivados da subscrición a non ser que se especifique o contrario. O acceso a estes períodos de proba poderá estar limitado a un número de probas por usuario durante un período determinado ou estar suxeito a outras restricións.

(b) Cancelacións. Podes cancelar unha subscrición en calquera momento antes de que finalice o período de facturación aplicable tal e como se describe no Centro de axuda. A cancelación aplicarase ao seguinte período. Por exemplo, se pagas unha subscrición mensual, poderás cancelala cando queiras durante calquera mes e esta cancelarase ao final do período de facturación vixente. Non recibirás ningún reembolso polo período de facturación en curso, excepto en caso de que se indique o contrario na Política de reembolsos de Google Play (por exemplo, cando os Contidos sexan defectuosos).

(c) Descontos para os subscritores da versión impresa. É posible que algúns provedores de publicacións periódicas che permitan comprar unha subscrición a Contidos periódicos en Google Play a un prezo reducido se xa es subscritor da versión impresa. Se cancelas a túa subscrición á versión impresa desa publicación periódica ou se esta caduca e non a renovas, a tarifa de subscrición reducida para eses Contidos en Google Play cancelarase automaticamente.

(d) Aumento dos prezos. Cando compres unha subscrición, inicialmente cobrarase ao prezo aplicable no momento en que realizaches a subscrición. Se o prezo da subscrición aumenta posteriormente, Google enviarache unha notificación. Este aumento aplicarase ao seguinte pago que teñas que realizar desde a recepción do aviso, sempre que este se recibise polo menos 30 días antes da realización do cargo. Se recibes o aviso con menos de 30 días de antelación, o aumento do prezo non se aplicará ata que teñas que realizar o pago seguinte. Se non queres pagar o novo prezo por unha subscrición, podes cancelala tal e como se describe na sección Cancelacións destas Condicións. En tal caso, deixaremos de cobrarche a subscrición sempre que nos envíes unha notificación antes do final do período de facturación en curso. Nos casos nos que o Provedor aumente o prezo dunha subscrición e se requira o teu consentimento, Google poderá cancelar a túa subscrición a non ser que aceptes o novo prezo. Se se cancela a túa subscrición e posteriormente decides activala de novo, cobraráseche a tarifa de subscrición correspondente a ese momento.

4. Dereitos e restricións

Licenza para usar os Contidos. Despois de completar unha transacción ou pagar as tarifas aplicables polos Contidos, terás o dereito non exclusivo, tan só da maneira permitida expresamente nestas Condicións, de almacenar, ver, usar, mostrar e acceder a copias dos Contidos correspondentes nos teus Dispositivos ou do modo autorizado unicamente para o teu uso persoal e non comercial. Todos os dereitos, a titularidade e os intereses sobre Google Play e os Contidos non outorgados de xeito expreso nas Condicións estarán reservados. O uso das aplicacións e os xogos pode estar suxeito a termos e condicións adicionais, conforme ao contrato de licenza de usuario final que acordedes o Provedor e ti.

Infracción das Condicións da licenza. Se infrinxes algunha das disposicións de restrición dos Contidos das Condicións, algunha das outras Condicións de xeito significativo ou reiterado ou se estamos a investigarte debido a sospeitas de conduta inadecuada, Google pode cancelar o teu acceso a Google Play, aos Contido ou á túa conta de Google e os dereitos dos que dispós baixo esta licenza de xeito inmediato sen reembolsarche ningunha cantidade. Enviarémosche unha notificación co motivo da nosa acción a non ser que teñamos motivos para crer que ao facelo se poidan derivar responsabilidades legais para Google ou para outra persoa, se poña en perigo unha investigación, se dificulte o funcionamento de produtos, servizos ou sistemas de Google, se provoquen danos aos nosos usuarios ou se infrinxa a lei ou unha orde dunha autoridade legal. Para obter información adicional, na sección 2 consulta Contas desactivadas.

Restricións: Non está permitido:

Disposicións de terceiros. Independentemente de que se indicase o contrario nestas Condicións, os terceiros que ofrezan a Google os seus Contidos baixo licenza son beneficiarios externos suxeitos a estas Condicións unicamente no que atinxa directamente os seus Contidos ("Disposicións de terceiros") e co fin exclusivo de poderen exercer os seus dereitos sobre os devanditos Contidos. Para que non haxa lugar a dúbidas, nada do disposto nestas Condicións concederá a un terceiro beneficiario dereitos sobre as outras partes no relacionado con disposicións que non constitúan as Disposicións de terceiros, entre as que se inclúen, por exemplo, os acordos ou disposicións incorporados ás Condicións mediante referencia ou aqueles aos que se poida facer referencia sen incorporalos.

Políticas de Google Play. A publicación de recensións en Google Play está suxeita ás seguintes políticas. Se queres informar dun uso inadecuado ou doutras infraccións de contido, fai clic aquí.

Contidos defectuosos. Cando haxa Contidos dispoñibles a través da túa conta, deberás comprobalos canto antes para asegurarte de que funcionan do xeito indicado e notificarnos a nós ou ao Provedor o antes posible calquera erro ou defecto que puideses encontrar. Consulta a Política de reembolsos de Google Play para obter máis información.

Eliminación ou non dispoñibilidade dos Contidos. De acordo coas Condicións, os Contidos que compres ou instales estarán dispoñibles a través de Google Play durante o período que selecciones (no caso dos alugueiros) ou mentres Google dispoña dos dereitos para facilitarche eses Contidos (noutros casos). En determinadas situacións (por exemplo se Google perde os dereitos correspondentes, se se cancela un servizo ou un Contido, ou se existen problemas de seguranza graves, ou infraccións das condicións aplicables ou da lei), Google pode eliminar o Contido do teu Dispositivo ou deixar de darche acceso a determinados Contidos que comprases. Sempre que sexa posible, recibirás avisos da mencionada eliminación ou cancelación. Se non podes descargar unha copia dos Contidos antes da eliminación ou cancelación, Google ofrecerache (a) unha substitución dos Contidos, se é posible, ou (b) un reembolso completo ou parcial do prezo dos Contidos. Se Google che reembolsa o diñeiro, esta será a única solución que che corresponderá.

Varias contas. Se tes varias contas de Google con diferentes nomes de usuario, é posible que nalgúns casos poidas transferir Contidos dunha conta a outra, sempre que sexas o propietario das dúas e que Google activase unha función do servizo correspondente que permita este tipo de transferencias.

Límites no acceso aos dispositivos. Nalgunhas ocasións, Google pode establecer límites no número de Dispositivos ou aplicacións de software que podes utilizar para acceder aos Contidos. Accede ás Normas de uso de Google Play Películas e de Google TV para obter máis información sobre estes límites aplicables a Google Play Películas/Google TV.

Actividades perigosas. Ningún dos Servizos ou Contidos están destinados a utilizarse para o funcionamento de instalacións nucleares, sistemas de soporte vital, comunicacións de emerxencia, navegación de aeronaves, sistemas de comunicación, sistemas de control do tráfico aéreo nin para ningunha outra actividade na que, en caso de fallo dos Servizos ou dos Contidos, poderían producirse mortes, lesións persoais ou ben danos físicos ou ambientais graves.

Google Play Películas/Google TV. Para obter información detallada e restricións acerca do teu acceso e uso de Google Play Películas/Google TV, consulta as Normas de uso de Google Play Películas e de Google TV.