Un proxecto documental de Aser Álvarez González para Arraianos Producións
Están separados no tempo por 1.600 anos pero comparten valores e filosofía de vida. A rebeldía e o inconformismo de dous grandes galegos que traballaron por unha sociedade máis xusta e igualitaria, dous homes que acreditaban que outro mundo era e debe ser posible.
Publicado en papel en 2023 este audiolibro fai un percurso pola biografía de Ramón Chao (Vilalba, 27 de xullo de 1935-Barcelona, 20 de maio de 2018) ao tempo que descubrimos a mítica figura de Prisciliano, unha das teimas ramonianas na derradeira etapa da súa vida, dar a coñecer a vida dun bispo galaico que morreu decapitado en Tréveris (Alemaña) no século IV por herexe e que inspirou a súa novela "Prisciliano de Compostela". Desde cativo Chao recebe formación como pianista e con so 11 anos obtén unha bolsa para estudar música e o bacharelato en Madrid. No ano 1956 recibe unha nova bolsa para estudar en París, onde catro anos despois se incorpora a Radio France Internacional, para levar a sección de lingua castelá e portuguesa, desenvolvendo unha extraordinaria actividade profesional como dinamizador cultural na capital francesa.
Locutado por Marta Gómez Pérez e Aser Álvarez González
Este audiolibro é unha obra de Arraianos Producións subvencionada pola Xunta de Galicia
Licenciado en Políticas e Xornalismo, Máster do diario EL PAÍS, especialista en Comunicación Audiovisual e fundador do Festival Internacional de Cinema Carlos Velo, traballou en prensa, radio e televisión. Socio fundador da produtora Arraianos Producións, é cineasta, director e guionista, curador de exposicións, autor de libros, guías de viaxes e proxectos multimedia. O documental "100% Celso Emilio Ferreiro", protagonizado por Luís Tosar, foi a súa ópera prima coa que gañou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental, entre outros premios en Europa e América.
Desde entón produciu e dirixiu numerosas longas e curtas documentais centradas nos procesos creativos de artistas e na recuperación da memoria e das historias de grandes personaxes.