Anatomía dun asasinato é un filme estadounidense producido e dirixido por Otto Preminger que se estreou en 1959. O guión é obra de Wendell Mayes e baséase na novela homónima escrita por John D. Voelker baixo o alcume Robert Traver. Voelker baseou a novela nun caso de asasinato de 1952 no que foi avogado da defensa.
Está protagonizado por James Stewart, Lee Remick, Ben Gazzara, Eve Arden, George C. Scott, Arthur O'Connell, Kathryn Grant, Brooks West, Orson Bean e Murray Hamilton. O xuíz foi interpretado por Joseph N. Welch, un avogado real. Foi un dos primeiros filmes de Hollywood en abordar os temas do sexo e a violación en termos gráficos. Inclúe unha das secuencias de Saul Bass de máis sona, a banda sonora de Duke Ellington, que tamén aparece no filme, e foi descrito por un profesor de dereito como "probablemente o máis puro filme xurídico xamais feito".
En 2012, foi escollido para a súa preservación no National Film Registry pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América por ser "cultural, histórica ou esteticamente significativo".
Foi estreado en galego a través da TVG o 11 de decembro de 1993.