Enola Holmes é un filme estadounidense de 2020 dirixido por Harry Bradbeer, a partir dun guión de Jack Thorne. Baséase no primeiro libro da serie homónima de novelas de Nancy Springer. Conta a historia da irmá adolescente do famoso detective Sherlock Holmes, a cal vai a Londres na procura da súa nai desaparecida. Está protagonizado por Millie Bobby Brown no papel de Enola, e tamén foi produtora do filme. Henry Cavill, Sam Claflin, Adeel Akhtar, Fiona Shaw, Frances de la Tour, Louis Partridge, Susie Wokoma e Helena Bonham Carter interpretan os papeis secundarios.
Nun principio, estaba prevista a súa estrea nos cinemas a través de Warner Bros. Pictures, mais os dereitos de distribución foron vendidos a Netflix por mor da pandemia por coronavirus de 2019-2020. Enola Holmes estreouse dixitalmente o 23 de setembro de 2020. O filme recibiu valoracións positivas por parte da crítica, que eloxiou especialmente a interpretación de Brown.
Enola Holmes estreouse en galego o 31 de outubro de 2022 a través de Netflix.