Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida.
Ao longo da novela asistimos á transformación da xove protagonista nunha muller que se rebela contra os prexuízos, as convencións e os costumes do seu tempo. Nunha época en que as mulleres están subordinadas por completo aos designios masculinos e condenadas a un papel de submisión, Denébola agarra con forza o temón da súa vida e acaba sendo primeiro capitá dun barco pirata e logo propietaria dun dos maiores consorcios para o transporte de mercadorías entrambas as beiras do Atlántico.
'Denébola a Roxa' é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, que relata o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.